Páxina oficial do grupo folque Xanzá
Historia
O grupo de música folque Xanzá naceu un 3 de outubro de 2003 coa intención de potencia-la música tradicional galega, así como para dar a coñece-los novos aires que están a xurdiren dentro da mesma, debido á grande mistura de estilos musicais coexistentes na actualidade.
O nome do grupo non foi escollido ó chou, senón que define da mellor maneira posible todas e cada unha das características do mesmo. Definímonos coma un todo conformado por moitas partes similares e á vez moi diferenciables entre si, como ocorre coa pranta de homónimo nome. A xanzá componse de raíces -as nosas fondas raigames na cultura galega-, un talo, longo -como agardamos que sexa a vida do grupo-, ben feito -que viría a representa-la grande compenetración existente entre nós-, verde -símbolo da nosa xuventude-, e moi dúctil -que ven a dicir que, aínda que sabemos da importancia de conservar e difundi-la música tradicional, estamos influenciados en boa medida polos novos aires que están a xurdiren dentro da mesma- e unhas flores amareladas ou violáceas -que representa fielmente o froito do noso traballo: unha música rechamante e agradecida para tódolos sentidos-.
O grupo en si conformámolo actualmente 8 compoñentes, todos músicos profesionais ou semiprofesionais, con amplos estudios musicais (tanto oficiais coma extraoficiais) e dilatada experiencia, tanto dentro coma fora dos escearios.
Contamos tamén cunha ampla variedade instrumental: gaitas, frautas, guitarra, acordeón, oboe, violín, piano, e diversa percusión tradicional, entre outros.
Debido a todo isto, entre o noso repertorio podedes atopar unha grande variedade de temas, a maior parte deles de composición propia, aínda que tamén hai algún que outro arranxo de temas tradicionais, chegando a pasar por multitude de estilos, sémpre sobre unha base folque ou celta.
Entre as nosas actuacións máis memorables, por un ou outro motivo, pódense salienta - las seguintes:
- 50º Aniversario do I.E.S. "San Rosendo" (Mondoñedo, abril de 2006): Dirty Ray (ex-cantante e
compositor de Inmaculate Fools), Os Parafusos, No Name e Xanzá.
- A Noite Meiga (Sarria, agosto de 2004): María do Ceo e Xanzá.
- Festival infantil A.C. Peleiriños (Sarria, xullo de 2005): Éoas e Xanzá.
- Final do VII Certame Folk "Radio Obradoiro" (Santiago de Compostela, abril de 2006): Daniel Bellón &
Diego Maceiras, Ophiusa, Verdíos e Xanzá.
- Final do I Concurso-Concerto do Festival da Terra e da Língua (Muíño de Pedroso, Narón, xullo de
2006): Sete raposos mortos e Xanzá. Onde resultamos os gañadores.
- Final do VIII Certame Folk "Radio Obradoiro" (Santiago de Compostela, maio de 2007): Ghaita
Depedra, Lúa D'Fouce, Pradairo e Xanzá.
Antigos compoñentes
"Eu son eu e as miñas circunstancias", así falou un recoñecido filósofo. E por moitas e diversas circunstancias ese "Nós" que conforma o grupo foi cambiando co paso do tempo. Pero o tempo non é quen de borrar tódolos bos recordos que nos quedan da xente que pasou por Xanzá e que xa non segue con nós por un motivo ou outro.
E para que todos eles perduren para sempre na nosa memoria colectiva e non sexan vítimas dese tempo traizoeiro, gustaríanos deixar aquí constancia do seu paso polo grupo. Levarémosvos no corazón por sempre xamais.
Borja López
Guitarra e gaita acompañante.
Currículum non proporcionado.
Ramón
Clarinete.
Currículum non proporcionado.