Páxina oficial do grupo folque Xanzá
¡Benvidos!
O grupo folque Xanzá davos a benvida á súa páxina oficial. Nela atoparedes multitude de contidos: as novas máis recentes relacionadas con nós; a historia do grupo dende a súa formación ata o momento actual, incluíndo toda clase de detalles; tódalas nosas gravacións; unha relación de actuacións, tanto futuras como pasadas, para que poidades seguírno-la pista e vernos en directo; un monte de fotografías, vídeos, temas, partituras e un longo etcétera.
¡Ah! E por suposto, tamén poderedes deixa-la vosa pegada no noso libro de sinaturas. Todo seguidor noso forma parte do propio grupo e, coma tal, a súa opinión tamén conta. Non o esquezades. Agardamos que a páxina sexa do voso agrado.
Quén somos e qué pretendemos:
O grupo de música folque Xanzá naceu un 3 de outubro de 2003 coa intención de potencia-la música tradicional galega, así como para dar a coñece-los novos aires que están a xurdiren dentro da mesma, debido á grande mistura de estilos musicais coexistentes na actualidade.
O nome do grupo non foi escollido ó chou, senón que define da mellor maneira posible todas e cada unha das características do mesmo. Definímonos coma un todo conformado por moitas partes similares e á vez moi diferenciables entre si, como ocorre coa pranta de homónimo nome. A xanzá componse de raíces -as nosas fondas raigames na cultura galega-, un talo, longo -como agardamos que sexa a vida do grupo-, ben feito -que viría a representa-la grande compenetración existente entre nós-, verde -símbolo da nosa xuventude-, e moi dúctil -que ven a dicir que, aínda que sabemos da importancia de conservar e difundi-la música tradicional, estamos influenciados en boa medida polos novos aires que están a xurdiren dentro da mesma- e unhas flores amareladas ou violáceas -que representa fielmente o froito do noso traballo: unha música rechamante e agradecida para tódolos sentidos-.
O grupo en si conformámolo actualmente 8 compoñentes, todos músicos profesionais ou semiprofesionais, con amplos estudios musicais (tanto oficiais coma extraoficiais) e dilatada experiencia, tanto dentro coma fora dos escearios.
Contamos tamén cunha ampla variedade instrumental: gaitas, frautas, guitarra, acordeón, oboe, violín, piano, e diversa percusión tradicional, entre outros.
Seguidamente, atoparedes unha breve descrición dos datos máis relevantes de cada compoñente, no tocante á súa formación musical.
David Páez González
Información non proporcionada.
Carmen López García
Acordeón e piano.
Naceu en Sarria no ano 1986.
A día de hoxe, ten rematado o Grao Medio na especialidade de piano polo Conservatorio Profesional de Música de Lugo.
Ten no seu haber varios cursos de interpretación e técnica pianística e seminarios de música moderna.
Como música profesional, participou en multitude de eventos de carácter cultural, concertos e diversas actuacións por toda a Península.
De 1998 a 2002 formou parte, como gaiteira, do grupo Val de Láncara.
Durante máis de 4 anos, recibiu clases de acordeón dun profesor particular.
Jorge Aira Pombo
Guitarra acústica.
Naceu en Vevey (Suíza) no ano 1985.
Comezou a se interesar pola guitarra ós 14 anos. Asistiu a clases durante catro anos, durante os cales se iniciou en estilos tan diversos coma o rock ou o blues, influenciado polo seu mestre.
Último membro en se incorporar ó grupo, está en diversos proxectos musicais paralelos a Xanzá nos que abrangue diferentes estilos.
Alejo Pacín Jul
Violín e gaita acompañante.
Naceu en Palas de Rei no ano 1986.
No 1992, toma contacto coa música tradicional como tamborileiro do grupo de gaitas da A. C. O Carballo (Taboada).
No 1996, comeza a carreira profesional de música pola especialidade de violín no Conservatorio Profesional de Música de Lalín, da man da mestra Inara Vetsbasticka.
No 2000, levado pola curiosidade máis pola insistencia do mestre Óscar Rodríguez Fernández (gaiteiro de grupos tan coñecidos coma Rastreros, Brandiam ou Kambotes, entre outros), comeza coa gaita tradicional, facendo gala dun don innato que, ós dous meses de comezar, o leva a estar tocando en diversas asociacións como a antedita A. C. O Carballo ou a Escola de Música e Danza Tradicional de Chantada, entre outras.
No 2004, funda o cuarteto tradicional "Os catro de sempre" con músicos procedentes das anteditas formacións. Preséntase a varios concursos de índole provincial, obtendo resultados moi dispares.
No 2008, remata os seus estudos de violín no Conservatorio Profesional de Música da Coruña. Ademáis, entra a formar parte do grupo de gaiteiros Os Vararcuncas de Rodeiro. Neste ano, comeza tamén os seus estudos de acordeón cromático por conta propia.
Ten no seu haber numerosos cursiños de violín impartidos por mestres coma Inara Vetsbasticka e de técnicas de gaita, impartidos por mestres do talle de Bruno Villamor Gay, Pepe Vaamonde Manteiga, Daniel Bellón, Pedro David Lamas, María Luisa Sarmiento ou Pablo Seoane.
Hoxe por hoxe, adica o seu tempo libre a compor temas de corte tradicional e a colaborar con diversos grupos e asociacións culturais para promocionar, defender e espalla-la nosa cultura por onde queira que vaia.
Tania Balboa Valcarce
Oboe.
Naceu en Triacastela no ano 1987.
No 1996, comeza os seus estudos de oboe na Escola Municipal de Música de Sarria coa mestra Silvia Camino Saco e máis tarde co mestre Marcos Luis Galán Piñeiro.
No 1998, pasa a formar parte da Banda Municipal de Música de Sarria e ingresa no Conservatorio de Música Profesional Cantiga (Sarria), no que obtén o Grao Elemental.
No 2002, accede ó Grao Medio no Conservatorio Profesional de Música de Lugo, onde cursou primeiro co mestre Lucas Estéfano Chaveli Serra e segundo e terceiro co mestre David Garrido Caneiro.
Participou en calidade de alumna activa en diversos cursiños cos mestres: Ismael Vaquero Baquero, Marcos Luis Galán Piñeiro, Fermín Clemente Bo, Santiago Guillot Martínez, Christina Dominik, Esther Viúdez e Salvador Mir. Asemade, acudiu a masterclasses con Eduardo Martínez e a cursos de práctica orquestral cos directores Rubén Gimeno e Xan Carballal.
No 2004, foi membro da Banda Municipal de Música de Lugo.
No ano 2005, formou parte da Banda Sinfónica de Música da Federación Galega.
Actualmente, está a cursar Grao Medio no Conservatorio Profesional de Música de Santiago, coa mestra Sonia Avilés.
Jose Antonio López Lage
Piano e trompeta.
Naceu en Sarria no ano 1987.
No 1994, iníciase no solfexo na Escola de Música da Banda Municipal de Sarria.
Con posterioridade, comeza os seus estudos de trompeta, sendo alumno de mestres do talle de .José Antonio González e Jose María e Abraham Cupeiro.
No 1996, pasa a formar parte da Banda Municipal de Música de Sarria, na que continúa a día de hoxe. Neste mesmo ano intégrase no grupo de música tradicional de Meigas e Trasgos C.I.T, interesándose pola percusión e sendo alumno do compoñente de Éoas, Martucho.
No 1998, inicia os seus estudios profesionais na modalidade de trompeta no Conservatorio de Música Cantiga de Sarria, da man de mestres coma Carlos Méndez, Bernardo Méndez, José Antonio González e Antonio Barws.
A finais do mesmo ano, intégrase, como gaiteiro, Escola de Gaitas e Tambores de Samos, baixo a batuta de Xosé Lois Foxo e Xesús López, e colaborando coma extra na Banda de Gaitas da Deputación de Ourense.
Durante todos estes anos acudiu como compoñente activo a diversos cursos de interpretación e técnica de trompeta con mestres da calidade de Carlos Méndez (mestre do Conservatorio de Santiago de Compostela), Benjamín Moreno (solista da ORTVE e membro da Corbata "Alfonso X El Sabio") ou Vicente Olmos (solista invitado da Orquestra Sinfónica de Valencia e solista da Orquestra Sinfónica de Bilbao).
Actualmente, forma parte do grupo de gaitas da A. C. Peleiriños.
Ismael García López
Tamboril, charrasco, tarrañolas, cunchas, pandeiro e máis percusión tradicional.
Naceu en Sarria no ano 1975.
No 1978, iníciase na música tradicional como tamborileiro da A. C. Meigas e Trasgos C. I. T., abandoándoa posteriormente por causa da súa inmadurez.
No 1993, reincorpórase á mesma, aprendendo a tocar, ademáis do tamboril, a gaita, o bombo, o charrasco, as tarrañolas, as cunchas e o pandeiro, da man do mestre Martucho (compoñente de Éoas).
No 1999, trasládase á A. C. Peleiriños, onde será alumno no afamado gaiteiro e compoñente de Caldaloba, Bruno Villamor Gay.
No 2001, entra a formar parte, en calidade de mestre e xunto con Luis Quintana Bernardo (compoñente de Xarín), da A. C. Val de Láncara.
Do 2002 ó 2005, será vicepresidente e encargado do grupo de gaitas da A. C. Meigas e Trasgos C. I. T., pasando a ser presidente, a partir de 2005, durante un ano.
Asistiu a numerosos cursos de percusión tradicional, con mestres do talle de Alberto Costas.
Actualmente, segue vinculado á A. C. Peleiriños e á A. C. Val de Láncara.
Julio Villanueva Cando
Bombo e bombardino.
Naceu en Sarria no ano 1987.
Comeza os seus estudos no Conservatorio Profesional de Música Cantiga (Sarria), na especialidade de bombardino.
É compoñente da Banda Municipal de Música de Sarria dende hai xa moitos anos.
Asistiu a unha infinidade de cursiños de bombardino con mestres de renomeada reputación.
Actualmente, cursa Grao Medio no antedito conservatorio, asiste a clases de bombo con Xosé (compoñente de Quempallou) e colabora coa A. C. Peleiriños.